Rafa Domínguez "interpreta" que o goberno local utiliza politicamente á Policía Local
Por Anxo Lourido
O Partido Popular, a través do seu voceiro municipal Rafa Domínguez, quere que o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira Carme da Silva e o intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, ofrezan explicacións sobre a denuncia que o máximo responsable do corpo policial en Pontevedra abriu contra dous axentes acusándoos de ter manipulado un semáforo durante o transcurso dunha manifestación en contra do propio Macenlle e de Fernández Lores en decembro de 2018.
O caso foi arquivado polo xulgado ao entender que non había probas contra os dous axentes acusados nin tampouco se producira gravidade suficiente que derivara nun delito que recolle o artigo 385 do Código Penal, tal e como se expoñía na denuncia.
Ante esta situación, Rafa Domínguez pregúntase por que a concelleira Carme da Silva saíu no momento da denuncia a defender o intendente da Policía Local e agora non sae en defensa dos dous axentes. Reclama tamén desculpas por parte do alcalde e "interpreta" que, desde o goberno local, se realiza unha "utilización política" da Policía Local.
Os populares solicitaron xa unha comisión de réxime interno extraordinaria e urxente á que asistan Fernández Lores, Carme da Silva e Macenlle para ofrecer explicacións sobre todo o sucedido, ante un auto que é "contundente", segundo Domínguez. "Es difícil de entender que se denuncie sin pruebas", explicaba o voceiro do PP local.
Rafa Domínguez asegurou tamén que se trata dun feito moi grave "sin precedentes en toda Galicia" e estudarán que accións levarán a cabo en caso de que o goberno local rexeite a comisión ou non ofreza explicacións convicentes.
O sindicato Comisións Obreiras reclamaba, tras coñecer o auto da xuíza, responsabilidades políticas e desculpas por parte do goberno local ante este conflito.
Relacionadas:
-
O PP esixe a comparecencia en Pleno do alcalde e Carme Da Silva polo "caso dos semáforos"
Por Oskar Viéitez |
-
Axentes da Policía Local esixen o cesamento do seu xefe, Daniel Macenlle
Por Manu Otero |
-
Eva Villaverde acusa ao PP de "azuzar" o caso dos semáforos cun "claro interese partidario e partidista"
Por Oskar Viéitez |
-
CC.OO. pide a Lores "responsabilidades políticas" e desculpas coa Policía Local tras o arquivo do "caso do semáforo"
Por Redacción |
-
O Concello respalda o xefe da Policía Local: "Sería inadmisible" que actuara doutro xeito, afirman
Por Alejandro Espiño |