Os orzamentos de 2020 primarán o emprego, os servizos sociais e os investimentos
Por Redacción
O goberno municipal de Cerdedo-Cotobade comezou cos traballos para elaborar o orzamento para 2020 que, segundo avanzou o alcalde, farán unha decidida aposta polos plans e as políticas de emprego, os servizos sociais, os servizos públicos e os investimentos.
"Van ser unhas contas moi sociais que é algo que nos caracteriza pero que desta volta aínda imos a reforzar", debullou Jorge Cubela, que engadiu que "decidimos ir un paso máis aló e esquecernos un pouco dos números para centrarnos no único que importa: a xente".
O documento acaba de iniciar a súa fase de elaboración a través dun traballo coordinado polo rexedor en colaboración cos departamentos económicos e cos membros do grupo de goberno que levan as distintas áreas e territorios.
Esta xuntanza, explicou Cubela, aprazouse ata coñecer as contas autonómicas, xa que son "fundamentais" para saber as áreas que "temos que reforzar e complementar" e concretou que na mesma determináronse os eixos estratéxicos das contas municipais.
Así, manterase un "elevado" nivel de acción en servizos sociais, seguirase cos plans e políticas de emprego, executaranse investimentos por un importe superior aos 7 millóns de euros e continuarase co reforzo dos servizos públicos con especial incidencia en educación, sanidade, deportes e medio ambiente.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade creará un humidal artificial ecolóxico como sistema de depuración de Paraños
Por Redacción |
-
Inversión de 180.000 euros para ampliar a conexión entre Santa María e Carballedo
Por Redacción |
-
A rehabilitación integral dos Baños do San Xusto será unha realidade en 2020
Por Redacción |