Nos últimos dez anos cada vez son maiores os problemas de costas entre os escolares. É unha circunstancia evidenciada no Complexo Hospitalario de Pontevedra e que expuxo Manuel Fraiz, responsable da Unidade de Raquis (columna vertebral) a Iván Prieto Lage, profesor da Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Pontevedra, con quen falamos neste Cara a cara.
Ambos profesionais contactaron a raíz do proxecto que desenvolve a entidade académica sobre 'Elección do mobiliario axeitado no Ensino'. O CEIP A Laxe de Marín foi o centro de referencia para o traballo de campo medindo este mobiliario e así como outras variables de alturas dos nenos. "Todo o mobiliario é demasiado grande; o que teñen os alumnos de Primeiro e Segundo debería ser a partir de Cuarto, e o destes para Instituto; ademais non hai tallas de cadeiras e mesas para os máis pequenos", conclúe Iván Prieto, engadindo que probablemente os alumnos de Infantil, tampouco teñan mobiliario adecuado.
Unha vez que se corrixiu a circunstancia no centro marinense, en Pontevedra o Instituto da Xunqueira I ofreceuse a facer unha intervención similar para obter un diagnóstico en Secundaria. O proxecto da Universidade ten continuidade, comenta en PontevedraViva Radio e preténdese facilitar aos centros educativos - cunha posible colaboración da Xunta -, unhas pautas e un padrón que empregando cores pode servir de referencia para saber se os estudantes están sentados nunha cadeira e mesa adecuadas.