Tres feridos e importantes retencións por un accidente con tres vehículos implicados na ponte da AP-9
Por Redacción
Un accidente de tráfico con tres vehículos implicados deixou este mércores un balance de tres persoas feridas e importantes retencións de circulación na autoestrada AP-9 ao seu paso pola cidade de Pontevedra.
O sinistro produciuse sobre as 13.35 horas deste mércores no punto quilométrico 131,500 da AP-9, á altura da ponte da AP-9 sobre a Ría de Pontevedra, nos carrís que circulan en sentido cara a Vigo.
Segundo os datos confirmados pola Garda Civil de Tráfico, por mor da colisión por alcance entre tres vehículos, foi necesario cortar o carril esquerdo da AP-9 en sentido Vigo e os axentes do subsector de Tráfico regularon a circulación de vehículos polo outro carril.
A causa do sinistro, producíronse importantes retencións de circulación, que por momentos supuxeron varios quilómetros de complicacións circulatorias, mesmo desde a peaxe da AP-9.
O sinistro consistiu nunha colisión por alcance e tres persoas resultaron feridas e tiveron que ser evacuadas polos servizos sanitarios a un centro médico.