O roubo do Códice Calixtino inspira o deseño de videoxogos
Por Oskar Viéitez
O roubo do Códice Calixtino é a fonte de inspiración que estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación empregarán para deseñar, ao longo deste primeiro cuadrimestre, o primeiro nivel dun videoxogo.
Os impulsores desta experiencia de innovación docente promoven cada semana sesións de traballo conxunto nos campus de Vigo e Pontevedra, nas que, divididos en tres grupos, os estudantes traballan conxuntamente no deseño e desenvolvemento destes videoxogos.
Un dos grupos optou por converter ao ladrón do Códice no protagonista dun xogo no que combinan a aventura e a intriga con matices de humor. Outro dos equipos decidiuse a desenvolver un xogo centrado na figura dun detective que investiga unha vaga de crimes, mentres que o terceiro grupo fará que o protagonista teña que "loitar con curas satánicos”, explican.
O alumnado de Videoxogos, comunicación e desenvolvemento, do grao en Comunicación Audiovisual, responsabilízase "da parte de narrativa" e ideación do xogo, debendo presentar ao remate da materia o deseño completo do xogo.
Os estudantes de Tecnoloxía multimedia e computer graphics, Produción audiovisual e Programación de sistemas intelixentes, do grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, "céntranse na parte de programación".
Os tres equipos suman así mesmo estudantes da materia Comunicación alternativa: medios virtuais e novos soportes publicitarios, do grao en Publicidade e Relacións Públicas, "que achegan todo o que é o uso de redes sociais, blogs e outra serie de ferramentas para comunicar todo o que están facendo os grupos". Exercendo nese senso como a axencia á que recorrería unha produtora real, este grupo de estudantes encargouse tanto de renovar a web do proxecto como de xestionar as redes sociais desta iniciativa.