Unha moza de 18 anos, ferida nun accidente de tráfico na ponte da Illa de Arousa
Por Redacción
Unha moza de 18 anos resultaba ferida minutos antes das 15.00 horas deste mércores ao sufrir un accidente de tráfico na PO-307, cando circulaba pola ponte da Illa de Arousa.
A parte dianteira do vehículo sufriu danos importantes e a moza foi trasladada ao Hospital do Salnés para ser atendida polos servizos médicos. Ata o lugar trasladábanse efectivos de Protección Civil, ademais da Garda Civil de Tráfico.
Esta xornada na que as choivas tiveron unha importante presenza rexistráronse con diversos accidentes nas estradas das Rías Baixas, en concellos como Ribadumia ou Cambados, sen feridos de gravidade, segundo alertan desde os servizos de emerxencias.
Na parroquia pontevedresa de Salcedo tiña lugar un accidente entre tres vehículos ao redor das 13.30 horas, segundo a información facilitada polo servizo de emerxencias do 112.
O impacto producíase á altura do punto quilométrico 131 da autoestrada AP-9 e como resultado tres persoas resultaban feridas.
Varios particulares alertaron ao 112 Galicia, que avisaba ao servizo de urxencias sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, Policía Local e Protección Civil.