O comercio local de Bueu, de novo en negro contra as violencias machistas
Por Redacción
A campaña En negro contra as violencias machistas volverá a ser unha das principais actividades que o Concello de Bueu ten preparado para conmemorar o 25 de novembro, día internacional da non violencia contra as mulleres.
Ata cento cincuenta establecementos sumáronse o pasado ano a esta campaña, que anima a comerciantes e hostaleiros a decorar de negro os seus escaparates. Dada a boa acollida da iniciativa, o Concello volve repetir a experiencia entre o 18 e o 25 de novembro.
O departamento de Igualdade que dirixe Ana Isabel Otero ultima ademais a programación para este 25 de novembro, na que se combinarán actividades para concienciar a todos os públicos.
Delas destaca a estrea de Agullas, un documental elaborado polo Concello de Bueu con cargo aos fondos do Pacto de Estado e que recolle historias persoais de mulleres vítimas da violencia machista, así como a visión de diversos profesionais.
Segundo salientan desde o CIM, o obxectivo é deixar claro que as violencias machistas non teñen idade nin clase social, senón que son síntoma da sociedade patriarcal na que vivimos.
Coa fin de traballar no tratamento da violencia de xénero, ademais, durante este mes estanse celebrando diversas sesións dirixidas ao profesorado, persoal do centro de saúde e forzas e corpos de seguridade.
E, por último, e como vén sendo habitual nos últimos anos, o 25 de novembro terá lugar no Centro Social do Mar a gala de entrega de premios aos nenos e nenas que participan no concurso de carteis con reflexión sobre a igualdade.