A recta final do Plan de Centros Veciñais arranca coa reforma da Casa do Pobo de Cutián
Por Redacción
A segunda fase da reforma da Casa do Pobo de Cutián xa está en marcha. Conta cun orzamento de 55.100 euros e consiste na remodelación integral do interior, que era practicamente unha estrutura diáfana e sen servizos.
O proxecto, que foi solicitado polos veciños de San Xurxo de Sacos, pretende dar continuidade á primeira fase, acometida polo Concello no ano 2015 e que consistiu na realización de toda a envolvente exterior con cuberta, carpintaría, fiestras, construción das cámaras e algunhas pequenas obras no interior.
A actuación que está actualmente en curso inclúe a execución de todas as distribucións interiores na planta baixa, na que quedará unha gran sala diáfana de 90 metros cadrados.
Ademais, faranse os acabados interiores con revestimentos, baños, teitos e carpintaría de madeira, as instalacións de servizos como electricidade, fontanaría, saneamento, cociña e calefacción, os sistemas de ventilación e evacuación de augas residuais e a adecuación exterior con rampla de acceso, soleira e sendas de aproximación para vehículos e peóns.
Tras esta actuación, o Plan de Centros Veciñais continuará progresivamente por Caroi, Chamadoira, Tenorio, Corredoira e Fentáns para quedar completamente rematado á espera de tomar unha decisión definitiva sobre Carballedo, onde se analizan diversas alternativas, algunha das cales é máis ambiciosa ao contemplar un auditorio.