O PP cualifica os orzamentos da Deputación como "anti provincia e anti concellos"
Por Oskar Viéitez
Os portavoces do Partido Popular na Deputación, Jorge Cubela e Pepa Pardo, analizaron os orzamentos da administración provincial para o próximo ano cualificándoos como "anti provincia e anti concellos".
Jorge Cubela asegura que no grupo provincial do Partido Popular "non entendemos os aires de satisfacción que mostran desde o goberno bipartito da Deputación".
Entre outras críticas reprocharon que no orzamento increméntanse as partidas destinadas a gasto corrente, e a "persoal e asesores", e tamén hai "máis gasto en promoción da persoa da presidenta da Deputación", asegurando non entender porque Carmela Silva, "segue ensimesmada coa súa xestión".
Segundo dixo o portavoz do grupo provincial do PP "estes orzamentos seguen a fomentar o desequilibrio da provincia de Pontevedra".
Ademais lamentou que para a súa elaboración "unha vez máis" non se contase "nin cos concellos, nin cos colectivos" e insistiu en que "para o único que foron feitos é para a promoción política do goberno bipartito, coa gran desaparición do BNG".
O Partido Popular destacou que as contas da Deputación para 2020 non inclúen solucións para a comarcalización dos parques de bombeiros de Pontevedra e Vigo, tamén advertiron que "baixan os orzamentos para o Plan Concellos".
Jorge Cubela lamentou que o orzamento contemple "moita propaganda" destinada a "autobombo" da presidenta, da que dixo que "Carmela Silva aplica a lei do máis forte como esencia da súa xestión".
En resumo, o PP tachou os orzamentos da Deputación de "fogos de artificio" porque "a súa execución non chega ao 50%", aseguraron.
Os populares chamaron a atención tamén á presidenta da Deputación de Pontevedra pola "falta de respecto" que, ao seu xuízo, supón que Carmela Silva non compareza ante o Parlamento de Galicia para render contas deste orzamento "isto demostra o pouco nivel e o pouco talante que ofrece o goberno bipartito", concluíron.
Relacionadas:
-
Aprobado definitivamente o orzamento da Deputación sen que o PP presentase alegacións
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O Plan Concellos 2020 destinará máis cartos aos municipios máis pequenos
Por Alejandro Espiño |
-
O pleno da Deputación aproba o orzamento para o próximo ano
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Comisións Obreiras alega contra o orzamento da Deputación por privatizar servizos e discriminar aos traballadores
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva tampouco presentará este ano no Parlamento galego as contas da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación presenta un orzamento de 161 millóns de euros
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |