Unha vivenda en Cambados ou o PAAR de Campo Lameiro, premiados polos arquitectos
Por Redacción
Catorce obras da provincia foron recoñecidas polos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2019. Os gañadores, entre eles a construción dunha vivenda en Cambados, a recuperación dun lavadoiro en Caldas e o centro do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, veñen de ser revelados polo Colexio de Arquitectos de Galicia.
Estas distincións supoñen un recoñecemento ao labor conxunto de arquitectos, promotores, aparelladores, construtores e demais colaboradores que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade desenvolta nas demarcacións de Pontevedra, Vigo e Ourense.
O xurado elixiu os gañadores entre os 75 proxectos presentados este ano, 40 propostas executadas na demarcación da delegación de Vigo, 24 na de Pontevedra e 11 na de Ourense.
Tras horas de liberacións, o xurado destacou que os gañadores aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio e son, todas elas, "testemuño do bo facer, do talento e do esforzo agochado tras cada traballo".
A restauración da Fonte da Torre (Caldas de Reis) é un traballo de José Luis Gil Pita e foi premiada polo seu respectuoso tratamento dun elemento patrimonial e histórico e pola acertada incorporación e posta en valor dos oficios tradicionais na intervención.
Pola súa banda, Francisco Galiñanes Chaves é o responsable da construción dunha vivenda unifamiliar en Cortiñas de Abaixo (Cambados), recoñecida por conquistar unha relación perfecta entre interior e exterior, cun uso moi acertado dos patios, dos materiais e da luz, protagonistas e artífices da serenidade e contundencia desta vivenda.
O parque arqueolóxico de Campo Lameiro, por último, foi deseñado por Alberto Redondo Porto, José Martín Valladares Durán e Marcial Rodríguez Rodríguez. Redondo Valladares y Rodríguez SLP.
O premio é por tratarse dunha obra que ten demostrado a súa exquisita pervivencia no tempo, cun uso destacado da pedra como material da fachada, pero resolto cunha singular solución que lle outorga ao edificio unha tectónica afastada dos convencionalismos, pero á vez moi vencellada á tradición e contorno na que se encadra.
O acto de entrega de diplomas celebrarase en Pontevedra no mes de novembro para os arquitectos, promotores, construtores e aparelladores das obras distinguidas. Este acto complementarase coa organización dun ciclo de conferencias.