Aprobados os proxectos de construción de dúas sendas en Marín e Bueu
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do expediente de información pública e do proxecto de construción da senda entre Pardavila e Cadro, no Concello de Marín e da senda na estrada PO-551, entre Trasouto e o Alto da Portela, en Bueu.
MARÍN
En Marín a Xunta prevé un investimento de 611.000 euros para executar este proxecto, ao que hai que engadir o destinado a expropiacións na PO-313.
De modo complementario mellorarase a seguridade viaria dunha intersección e instalarase unha nova marquesiña nunha parada de bus.
Tamén se trasladará lixeiramente un cruceiro na marxe esquerda da estrada no punto quilométrico 3+350, acondicionando a contorna da súa nova ubicación.
BUEU
En Bueu a Consellería de Infraestruturas destina un investimento duns 643.000 euros ao que hai que engadir o pago das expropiacións.
Trátase dun itinerario de case 2 quilómetros que con respecto ao proxecto inicial amplía a súa lonxitude para conectar coas beirarrúas existentes e conformar un itinerario peonil seguro de maior lonxitude.
De modo complementario nesta senda colocarase unha parada de autobús e renovarase a marquesiña existente na marxe esquerda do punto quilométrico 14+150, entorna na que se ampliará o firme da vía.