Pontevedra acollerá en outubro a primeira edición do Salón do Bebé
Por Oskar Viéitez
Os días 12 e 13 de outubro Pontevedra aspirará a converterse nun referente infantil coa celebración do primeiro Salón do Bebé, un evento no que se darán cita as últimas novidades do sector, outorgándolle especial protagonismo á saúde infantil, a alimentación, a educación, así como a moda e o deporte. Esta primeira edición, que pretende afianzarse no calendario feiral da cidade, nace co obxectivo de axudar ás familias na súa nova etapa como pais, cunha oferta global para todos os servizos necesarios dende o embarazo e ata os 3 anos.
A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, destacou que non é casualidade que a cidade do Lérez acolla este monográfico, xa que ás súas características de urbe cun perfil novo, alto nivel de natalidade e calidade de vida polas últimas reformas e peonalizacións, únense a súa estratéxica situación xeográfica como capital das Rías Baixas (a 15 minutos de Vigo e a 35 de Santiago).
Dende a empresa Muéstralo, organizadora do evento, Iria Gómez, afirmou que están a traballar xa con establecementos dedicados ao bebé (mobiliario, moda premamá e infantil, puericultura...), tendas de xoguetes, alimentación, centros educativos e de psicomotricidade, pero tamén pretenden incluír a presenza de sectores tan innovadores para os máis pequenos como de empresas relacionadas co lecer para o neno e os seus pais: viaxes con nenos, termalismo para os máis pequenos, etc.
Ademais do propio espazo expositivo, a organización está a perfilar un amplo programa de actividades e obradoiros impartidos por profesionais en temas tan importantes como o embarazo, a lactación materna, os primeiros coidados, a estimulación do bebé, a alimentación nos primeiros anos de vida ou os problemas na fala, entre outros aspectos dos que poderán coñecerse máis detalles tras o período estival. Por outro lado, e tendo en conta que se trata dun salón infantil, a cita contará con actividades infantís, servizo de ludoteca e aparcadoiro para carriños. Finalmente, organizarase un concurso de fotografía de bebés.
A organización do I Salón do Bebé espera que se superen os 5.000 visitantes, cuxo perfil principal será o de público final (pais e nais fundamentalmente), aínda que tamén se agarda a presenza de profesionais do sector, como especialistas en edición infantil e colectivo médico.