Bautismo de mar para a comunidade universitaria
Por Redacción
A Vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar propoñen á comunidade universitaria o vindeiro xoves 7 de novembro un bautismo de mar no que os participantes poderán percorrer a Ría de Pontevedra a bordo dunha embarcación.
Este bautismo de mar está enmarcado nas actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que promoven conxuntamente a institución académica e o centro con sede en Marín.
A actividade está aberta á participación dun máximo de 30 persoas e as inscricións para participar neste bautismo de mar permanecen abertas na plataforma Deporxest ata o vindeiro luns.
A iniciativa empezará ás 16.00 horas nas instalacións da Escola Naval Militar, onde terá lugar o embarque nunha ou en varias embarcacións, dependendo do número de persoas que finalmente se inscriban. De volta a terra, a actividade completarase cunha visita guiada polas instalacións da Escola Naval Militar, na que, acompañados polos responsables do centro, os participantes poderán coñecer a escola e as investigacións nas que están traballando.
O director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela, explica, en declaracións recollidas polo Diario da Universidade de Vigo, que consideran que é unha actividade moi interesante xa que hai xente que non saíu nunca o mar e que vai ter a posibilidade de vivir por primeira vez esta experiencia.