A tradicional pegada de carteis abre a campaña para as segundas eleccións xerais de 2019
Por Natalia Puga & Diego Torrado
O pasado 28 de abril supuxo, por primeira vez, que o PP deixase de ser o partido máis votado na provincia de Pontevedra, converténdose o PSdeG-PSOE na primeira forza, con tres deputados dos sete en disputa. Os 'populares' lograron dous e tamén lograron acta a coalición En Común-Unidas Podemos e Cidadáns, cunha deputada cada un.
En Pontevedra, tan só o PP cambia de cabeza de cartel de cara ás eleccións municipais do 10 de novembro. Seis meses atrás a candidata número 1 ao Congreso era Ana Pastor, que nesta ocasión lidera a candidatura por Madrid. No seu lugar, encabeza a lista a alcaldesa de Marín, María Ramallo.
A candidata 'popular' estivo acompañada pola secretaria xeral do Partido Popular de Pontevedra, Pepa Pardo, e arroupada por membros da xunta local do Partido Popular, afiliados e simpatizantes e, no seu primeiro discurso de campaña, criticou a inacción e deixamento do goberno socialista. Así, declarou que en ano e medio, "non achegou ningunha solución aos problemas que temos en Pontevedra.
O PSdeG-PSOE repite candidatura liderada por Olga Alonso e co pontevedrés Guillermo Meijón como número dous. Precisamente, Meijón realizou a tradicional pegada na Alameda, acompañado pola candidata ao Senado Marica Adrio e por cargos do partido na cidade como o portavoz e a secretaria xeral locais, Tino Fernández e Maica Larriba, actual subdelegada do Goberno en Pontevedra.
Os socialistas xa avanzaron unha campaña -de tan só unha semana nesta ocasión- na que van pasar moito tempo nas rúas de tódalas cidades, pobos e vilas da provincia, con tres mítins centrais en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, pero cun forte acento de proximidade coa cidadanía con actos informais, paseos e encontros a pé de rúa. Saen decididos a facer todo o posible por conseguir o cuarto deputado, dos sete que reparte a provincia, no Congreso co obxectivo de que Pontevedra "contribúa a desbloquear definitivamente a situación en España".
Tamén o BNG repite cartel, coa concelleira pontevedresa Carme da Silva como número 1 ao Congreso. Na pegada de carteis estivo arroupada por outros candidatos da lista e polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e defendeu o seu partido como "a única candidatura de país que non ten obediencia a Madrid e que vai respostar ás necesidades da sociedade galega".
Nas últimas eleccións, os nacionalistas quedaron ás portas do Congreso por un puñado de votos, pero agora teñen confianza en lograr a acta por Pontevedra. Así, destacoua ilusión e a esperanza coa que afrontan esta campaña para "sacar adiante este proxecto e que Galiza recupere a voz no Congreso.
Na Alameda tamén pegaron carteis Galicia en Común-Unidas Podemos, forza política que repite cartel liderado por Yolanda Díaz. A número 2, Ángela Rodríguez-Pam, participou no acto pontevedrés despois de que, pola tarde, as dúas estiveran nun acto cos candidatos das catro provincias galegas no que se reivindicaron como "as garantes dun goberno de esquerdas no que o noso país esté presente no centro das accións políticas, con voz e decisión propia".
No caso do resto das candidaturas, non se achegaron ata a Alameda, pero si teñen previstos actos de campaña en Pontevedra partidos como Cidadáns, que de cara ao 10 de novembro repiten candidatura encabezada pola viguesa Beatriz Pino.
Relacionadas:
-
RADIO.- Chamoute algún líder político coa súa propaganda electoral?
Por Marisa Ciordia |
-
Ana Pastor, candidata por Madrid, pero envorcada na campaña en Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Histórica vitoria do PSOE sobre o PP, entran Podemos e Cidadáns e BNG e En Marea quedan fóra
Por Alejandro Espiño |