A Deputación de Pontevedra alega contra a denominada 'Sogama da Auga'
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra considera que a Xunta de Galicia pretende atribuír á institución provincial unha competencia impropia en relación coa denominada 'Sogama da Auga' e decidiu opoñerse Anteproxecto da Lei de Creación da Sociedade para a xestión do ciclo integral da Auga.
O goberno da Deputación de Pontevedra remitiu á Xunta de Galicia alegacións ao Anteproxecto, no que o deputado Carlos Lopez Font ve que a Xunta de Galicia, de xeito unilateral, pretende atribuír as deputacións galegas unha nova competencia impropia, consistente na participación directa na xestión do abastecemento domiciliario de auga e no saneamento, "vulnerándose outra vez a súa autonomía recollida na Constitución".
As alegacións argumentnn que no documento non existe explicación, estudio, proxecto de estatutos da sociedade, anteproxecto de explotación, informe ou análise nos que se poida comprobar a concorrencia dos requisitos necesarios para a creación da chamada 'Sogama da Auga', nin a súa viabilidade ou sustentabilidade.
O voceiro do grupo provincial do PSOE critica que a Xunta anunciou a creación dunha sociedade mercantil pública autonómica rexida polo dereito privado, cun capital social repartido en forma de accións, na que deputacións e concellos serían socios minoritarios, sen poder ningún. Na súa opinión, o que pretenden é montar unha empresa de xestión hidráulica reservándose toda a capacidade de decisión, mentres obriga a concellos e deputacións a financiar os investimentos, a razón dun terzo por cada parte.
"É dicir: a Xunta decide e os concellos pagan", mantén o deputado. Engade que o anteproxecto recolle que o terzo que lle corresponde á Xunta se abonaría con cargo ao canon de saneamento que os concellos xa teñen a obriga de cobrar, de maneira que a Xunta financiaría o seu terzo con ese canon de saneamento e obrigaría aos concellos a pagar por partida dobre: pola vía do canon a veciñanza e pola das obras financiadas con recursos propios.
O deputado do PSOE ve nesta lei un novo despropósito da Xunta do PP, moi dada a "centrifugar competencias sen acompañalas dos debidos recursos", e neste caso co agravante de que o goberno galego usará o canon de saneamento que debía destinarse aos concellos a cubrir as súas obrigas.