Ponte entre tapas e cogomelos en Cuntis
Por Redacción
Un ano máis, Cuntis aposta polo outono e os produtos desta estación para vivir esta primeira fin de semana de novembro que, este ano, ademais, coincide cunha ponte festiva con motivo do Día de Todos os Santos.
A micoloxía ocupará parte da programación do Concello. O sábado 2 de novembro o chef Iván Méndez impartirá un curso de cociña con cogomelos na Casa do Médico a partir das 11.00 horas.
O domingo 3 será a quenda de especializarse en saídas para comprender un pouco máis este mundo apaixonante a través dunha saída de campo cun especialista que dará as chaves para identificar os cogomelos comestibles.
Como parte da programación festiva, tamén haberá ruta de tapas para que todos os cuntienses poidan gozar desta cociña de tempada. Na ruta de tapas participan café bar Batifoula, restaurante Don Manuel, A Tenda da Ponte, bar O Traspaso, Bar Karma, cafetería Plaza e bar O Pote.