Pequeno incendio causado por unha vela nun panteón do cemiterio de Salcedo
Por Redacción
Un pequeno incendio causou gran alarma este venres no cemiterio de Salcedo. O lume tivo escasa importancia, pero o camposanto tiña máis asistentes dos habituais por tratarse do día de Todos os Santos, de modo que aumentou a preocupación.
Todo ocorreu sobre as 17.15 horas. Un particular chamou ao 112 indicando que estaba a arder unha vela no interior dun panteón, pero que non podía apagala porque estaba pechado.
O 112 Galicia pasou aviso aos Bombeiros de Pontevedra, a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil, pero finalmente tan só foi necesaria a intervención da Policía local.
Os axentes dunha patrulla que estaba nas inmediacións trasladáronse ao lugar e, coa axuda dun extintor apagaron o lume, que unicamente calcinou a vela. Iso si, o interior do panteón quedou afectado polo fume.
Segundo a informaión do 112 Galicia, a vela queimou uns papeis situados debaixo e orixinou as chamas.