Ángel Gabilondo celebra un mitin en Pontevedra en que alerta ás bases socialistas dos perigos da dereita
Por Diego Torrado & Redacción
O portavoz do PSOE na Asemblea da Comunidad de Madrid, Ángel Gabilondo, mantiña un encontro con seguidores socialistas en Pontevedra. Despois dunha comida no Galicia Palace, Gabilondo defendeu os postulados socialistas baseados na igualdade e na defensa das persoas vulnerables.
O representante socialista fixo un chamamento para acudir á cita coas urnas do próximo domingo 10 de novembro e pediu aos asistentes a que loiten polo que cren e recalcaba que as rebelións deben facerse a través dos orzamentos xerais e dos Boletíns Oficiais do Estado. Lembrou tamén os pais e nais que conseguiron os avances sociais e construíron a democracia, afirmaba Ángel Gabilondo durante o acto.
Gonzalo Caballero, secretario xeral dos socialistas galegos, apuntaba ao líder do PP, Pablo Casado, ao que acusou de estar no tobo popular, con barba e disfrazado de moderado, "calado para non meter a pata" pero con Aznar como referente. Indicou que o socialismo é a casa común da esquerda e a única alternativa para o voto útil.
Pola súa banda, David Regades, secretario xeral do PSOE pontevedrés, criticou a "campaña sucia de desinformación" que, segundo afirma, o PP desenvolve nas redes sociais. Guillermo Meijón, candidato ao Congreso, tamén culpou ao PP das esperas do AVE e dos atrasos na ampliación do Hospital Montecelo.
Ao acto deste sábado non asistía a presidenta da Deputación, Carmela Silva, debido ao falecemento da súa nai, Josefina Rego Teijeiro, de 93 anos, durante a noite. Os asistentes ao acto dedicáronlle un emotivo aplauso antes do inicio.