A Festa da Cigala volve á Alameda de Marín despois de 12 anos
Por Diego Espiño
Marín prepárase para a décimo novena edición da Festa da Cigala coa novidade do seu retorno, despois de 12 anos, á Alameda da vila.
A organización instalará alí unha carpa de 250 metros cadrados na que se celebrará o evento gastronómico os días 26, 27 e 28 de xullo.
A festa arrancará o venres 26 ás 13:00 horas, cun horario de atención ao público que se prolongará ata as 0:00 horas durante os tres días, aínda que sábado e domingo a apertura se adiantará ás 10:00.
En total a organización, a cargo da Asociación de Comerciantes e Industriais de Marín, prepara 1.500 quilos de comida principalmente do produto estrela, a cigala, pero con cabida para outros alimentos como o polbo ou as gambas.
Un ano máis a Festa da Cigala completará o seu programa cunha actuación musical ou coa imposición das capas aos novos confrades, acto que se celebrará o sábado 27 ás 12:00 horas.
Os asistentes poderán gozar de diferentes pratos como as cigalas cocidas (12 euros), cigalas á prancha flamexadas (14 euros), arroz caldoso de cigala (6 euros), cigalas ao allo (14 euros), empanada de cigalas e gambas (4 euros), gambas á prancha (7 euros), cocidas (7 euros) e ao allo (8 euros), croquetas de marisco (7 euros), polbo (8 euros) e tortilla de gambas (5 euros).