Detectan en Pontevedra o uso de 'testemuñas de plástico' para perpetrar roubos en vivendas
Por Redacción
A Policía Nacional detectou durante a ponte de Todos os Santos a presenza nunha vivenda de Pontevedra de varias 'testemuñas' de plástico transparente no marco da porta de acceso, un método usado polos ladróns para marcar as vivendas que están baleiras e perpetrar roubos nelas.
Tras detectar o uso deste método delituoso, desde a Comisaría Provincial de Pontevedra fan un chamamento aos veciños para que intensifiquen a súa atención antes de acceder á vivenda para comprobar que non colocasen estas testemuñas de plástico transparente no marco das portas ou mesmo nas caixas de correos.
Estas testemuñas son instaladas para controlar e comprobar se hai alguén no interior da vivenda. Colócanos previamente e, cando van cometer os roubos, observan se as portas continúan coas testemuñas colocadas.
Esa marca indícalles que nese período de tempo non houbo movemento algún na vivenda, o que lles dá vía libre para cometer o roubo, de aí a importancia de non permitir o acceso ao edificio a persoas alleas ao mesmo.
Desde a Policía Nacional lembran que a colaboración entre todos os veciños é fundamental.
Ademais, recomenda, por seguridade, que se un veciño ten intención de abandonar temporalmente o seu domicilio comprobe antes que as portas e xanelas da vivenda quedan perfectamente pechadas e peche sempre a porta con chave.
Outros consellos policiais son non desconectar o timbre, nunca esconder unha chave preto da entrada e tentar que a súa casa pareza habitada con medidas como non baixar as persianas totalmente ou solicitar a alguén de confianza que recolla o correo da súa caixa de correos e realice visitas periódicas.
Tamén pode empregar temporizadores automáticos para acender e apagar luces ou un aparello de radio e aconséllase non facer públicos os seus plans vacacionais e ter especial coidado co se que difunde nas redes sociais.