Poio insiste en solicitar á Xunta que execute o proxecto do vial do Vao
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio insiste en solicitar á Xunta de Galicia que execute o proxecto do vial do Vao e acusa o Partido Popular de lanzar unha "cortina de fume" coa polémica do único sentido na avenida da Barca, unha iniciativa que está recomendada no plan de mobilidade do Concello.
O concelleiro de Obras de Poio, Gregorio Agís, explicou que o Plan de Mobilidade Urbana Sustentable ( PMUS) é un documento que define propostas e solucións de futuro para resolver os problemas identificados no territorio municipal referentes á mobilidade, "propostas moi diversas para abordar problemáticas moi diversas".
Este documento habilita para acceder a axudas europeas "co que poderiamos conseguir ata seis millóns de euros en materia de mobilidade sustentable. Xa temos concedidos 500.000 euros de fondos europeos xestionados directamente polo concello", lembra o concelleiro.
Desde o goberno local sinalan que para o desenvolvemento viario desta zona é necesario un estudo pormenorizado e específico que determinará cal é a solución definitiva aos problemas de colapso, inseguridade peonil e accesibilidade desta zona. Gregorio Agís insiste en que "calquera iniciativa que se adopte pasará por ter unha estrada alternativa que absorba tráfico pesado e de paso na Barca".
O Plan Xeral de Poio contempla unha conexión alternativa, que permitiría derivar os fluxos de tráfico mediante a construción dunha conexión denominada Vial do Vao que conecta a estrada de Vilagarcía (PO-531) coa de Campañó (PO-310) e a propia Xunta de Galicia recolleu no Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica 2010-2015 esta infraestrutura como prioritaria "pero por agora a Xunta de Galicia non deu ningún paso para abordar a execución desta estrada", lamenta o concelleiro.
Gregorio Agís di que "o Partido Popular expón esta problemática como cortina de fume co propósito de tapar o estado en que se atopa a estrada PO-308 ao paso pola Barca, Andurique e Porteliña e é cómplice do desleixo e abandono da estrada, negando o mais importante: Que é a Xunta o titular da estrada, que é a Xunta de Galicia quen ten esta contorna no estado actual e que só a Xunta do PP pode abordar estas actuacións tan demandadas".
No pleno de xullo de 2018 aprobouse por unanimidade unha moción do Grupo Municipal Socialista na que se propoñía un Convenio de colaboración entre o Concello de Poio e a Xunta de Galicia para a mellora da contorna de Avenida de Andurique, A Barca e Porteliña para abordar a mellora de beirarrúas e pasos de peóns debidamente iluminados favorecendo a accesibilidade e primando a seguridade dos peóns, segundo o modelo de mobilidade da Xunta de Galicia, "sen que obtivésemos resposta máis dun ano despois", finaliza Gregorio Agís.
Pola súa banda, a Asociación Veciñal de San Salvador anunciou que se sinte ninguneada polo goberno tripartito en relación coa circulación na ponte da Barca e anuncia mobilizacións inminentes.
Relacionadas:
-
Poio promoverá que os nenos vaian á escola a pé ou en bicicleta
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta somete a información pública a reforma da PO-308 entre Fontenla e Combarro
Por Redacción |
-
Poio aprobará un Plan de Mobilidade Sostible, base organizativa do tráfico, transporte público e aparcadoiros a 10 anos vista
Por Anxo Lourido |