O Serán-magosteiro de Moraña celebra unha década de existencia
Por Redacción
Centos de persoas reuniranse este próximo sábado 9 de novembro na carpa situada na chaira próxima á Carballeira de Santa Lucía en Moraña. Alí celebrarase a décima edición do Serán-magosteiro, unha festa que chega á súa décima edición.
O evento comezará a partir das 18.00 horas e atópase organizado pola asociación cultural Peña Espetados e pola asociación cultural Chinguilipé, fundadora desta iniciativa.
O programa iníciase cun pasacalles polo centro urbano de Santa Lucía e continuará cun taller de iniciación ao baile tradicional impartido polo bailador Cristovo Chao.
A partir das 20.00 horas iniciarase o magosto coa degustación de castañas e chourizos gratuítos, ademais de bebidas a prezos populares e a presenza de 13 grupos chegados de diversos puntos de Galicia. Seixebra, Chinguilipé e a Agrupación Folk da escola de música, as pandereteiras Madialeva e Os Druídas de Meis, Hai que Roelo, que chega desde Cuntis e o Trío Prata, de Ames.
Tamén actuarán Airiños da Fracha (Ponte Caldelas), SilvaRedonda (Rianxo), Os Carecos (Ortigueira), Café de Pota (Ponte Sampaio) e Armámola Boa desde o Concello de Soutomaior. Tamén acudirá o artista de Vilagarcía Joel Padín, gañador do concurso 'Pequenos fenómenos' da TVG.
O magosto finalizará cunha gran foliada aberta a todas aquelas persoas que queiran participar. A organización, ante a previsión de máis de 800 persoas, habilita o pavillón do colexio Santa Lucía para que todos os visitantes poidan descansar unha vez finalizada a xornada festiva.