Cruz Vermella en Pontevedra trasladará a persoas con mobilidade reducida ás mesas electorais este 10-N
Por Redacción
Este domingo 10 de novembro, xornada electoral, Cruz Vermella en Pontevedra levará a cabo unha actividade solidaria coas persoas que teñen problemas de mobilidade. Esta organización prestará un servizo para trasladar ata o colexio electoral correspondente a aquelas persoas que o soliciten.
O operativo previsto conta con dous vehículos de transporte adaptado en Pontevedra que realizarán os percorridos ao longo de toda a xornada electoral, atendendo a unha planificación previa.
A acción desenvolverase con aquelas persoas que sufran graves problemas de mobilidade, que se despracen en cadeiras de rodas ou que non poidan facer uso doutro tipo de transporte.
As persoas interesadas neste servizo deben solicitalo previamente en Cruz Vermella, antes das 13.00 horas do xoves 7 de novembro nos teléfonos 986 85 21 15 e 986 85 20 19.
Os vehículos de transporte adaptado de Cruz Vermella están dotados de ancoraxes para cadeiras de rodas e plataformas elevadoras que posibilitan o traslado das persoas con mobilidade reducida.