Sanxenxo modificará o seu PXOM conforme demandan os hoteleiros
Por Oskar Viéitez
O concello de Sanxenxo modicifará o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) atendendo ás peticións dos hoteleiros.
O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, CETS, presentara o pasado mes de decembro unha alegación á modificación do PXOM que pretende conseguir que os sotos e semisotos non computen na edificabilidade dos hoteis.
Os empresarios turísticos pretenden conseguir un aproveitamento legal para estes espazos para destinalos a almacén de alimentos, a gimnasios, zonas de recreo infantil, ata a spas.
O presidente do CETS, Francisco González, precisou que os empresarios non destinarán estes espazos para ser habitacións.
O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo deu o visto bo esta mañá á proposta de aprobación provisional da modificación puntual nº 2 do PXOM. O documento será analizado o xoves na comisión de urbanismo e someterase a consideración do Pleno da Corporación local nunha sesión extraordinaria prevista para o luns.
Desta forma, entre as novidades que introducirá esta modificación sufrirán cambios apartados como o de rasante do terreo, o de medianeras, o de fronte mínima, a regulación do uso comercial, as normas reguladoras do chan urbano e os reculamentos.
Así mesmo, introduciranse dous novos epígrafes dentro do subapartado dedicado ás condicións xerais de volume e hixiénicas que tratarán sobre as parcelas cualificadas con dúas ordenanzas e as zonas verdes privadas.
Segundo adiantou a concelleira delegada desta área, María Deza, unha vez o pleno dea o visto bo á modificación puntual nº 2, o Concello de Sanxenxo remitirá o documento á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva.