Cuntis lamenta a falta de resposta de Sanidade á "precariedade" e o "colapso" no centro de saúde
Por Oskar Viéitez
O alcalde do Concello de Cuntis, Manuel Campos, xunto cos portavoces dos grupos da corporación municipal, reuniuse este martes co xerente da área sanitaria de Pontevedra, José Ramón Gómez, para trasladarlle a "precariedade" na que, ao seu xuízo, atópase o servizo de saúde que se presta no municipio.
Os representantes locais tamén mostraron o seu "malestar" pola falta de contestación ao escrito que lle remitiron á xerencia o mes pasado.
Manuel Campos deu conta da "situación de colapso" do centro de saúde de Cuntis "cunha espera media de dez días para dispoñer dunha cita para atención médica" unha demora que "está repercutindo no PAC de Caldas de Reis".
O alcalde indicou ao xerente desta área sanitaria que os veciños e as veciñas de Cuntis levan máis dun ano sufrindo unha situación de precariedade no centro de saúde.
Segundo informaron desde o goberno local, "o xerente terminou recoñecendo un por un os problemas nos que se atopa inmersa a sanidade pública en Galicia", facendo fincapé o alcalde e os portavoces de que as competencias neste campo son "únicas e exclusivas" da administración autonómica .
Os datos facilitados polo Concello apuntan que na actualidade os médicos do centro de saúde atenden a un total de 3.894 cartillas sanitarias das que 687 son de menores de idade.
"O xerente non se comprometeu a reverter esta situación e tratou durante toda a reunión de prolongar o problema propoñendo a solución para un futuro nunha negociación na que a consellería se atopa inmersa co persoal médico que a día de hoxe non se sabe como terminará", indicaron desde o goberno local.
O xerente comprometeuse a chamar ao alcalde nos próximos días para tratar de paliar a situación.
O alcalde Manuel Campos manifestou publicamente que "a pesar da cordialidade coa que nos atendeu o xerente a situación no centro de saúde é de total colapso e a consellería a única escusa que dá é que non ten recursos para destinar ao centro de saúde de Cuntis".
Por isto, o alcalde conclúe que "cremos unha vez máis que os cidadáns de Cuntis non están a ser tratados en igualdade de condicións como os doutras vilas e así quedou patente na reunión".
Relacionadas:
-
Cuntis leva ao Valedor do Pobo e ao Defensor del Pueblo a situación do centro de saúde
Por Redacción |
-
Cuntis considera "insuficiente" as medidas do Sergas para mellorar o servizo do centro de saúde
Por Redacción |
-
O Sergas acusa a Cuntis de dar una versión "parcial e sesgada" do encontro co xerente
Por Oskar Viéitez |
-
Centos de persoas saen á rúa en Cuntis "por unha sanidade digna"
Por Redacción |
-
Cuntis fártase dos problemas de persoal no centro de saúde e anuncia mobilizacións
Por Redacción |
-
Cuntis denuncia a falta de médicos e saturación no centro de saúde
Por Redacción |