A Garda Civil localiza máquinas de vending con produtos eróticos mesturados con outros alimentarios
Por Redacción
A Garda Civil localizou unha decena de máquinas para a dispensación automática nas que se expendían unha ampla variedade de produtos e artigos eróticos.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, as pescudas levadas a cabo pola Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil con base en Marín iniciáronse por mor das queixas que recibidas de varias particulares pola existencia e proliferación deste tipo de máquinas auto expendedoras nas que tamén se vendían artigos eróticos sen ningún tipo de control sobre a exposición e venda destes produtos aos menores.
Así, activouse un dispositivo especial que os levou a inspeccionar unha decena deste tipo de locais, todos eles situados na comarca do Morrazo e no municipio de Poio, que deu como resultado a localización doutras tantas máquinas deste tipo nas que se atopou unha ampla gama de artigos eróticos compartindo espazo, normalmente nos andeis inferiores, con outros artigos de consumo e produtos alimentarios.
En todos os casos comprobaron que as máquinas automáticas atopábanse en establecementos abertos ao público sen ningún tipo de control que poida restrinxir o acceso dos menores a este tipo de produtos, que doutra banda se mostran e exhiben con imaxes explícitas de índole sexual.
De acordo coa normativa, a Garda Civil identificou os responsables das máquinas, que foron denunciados ante os órganos competentes da administración autonómica, por infrinxir, supostamente, a Lei 3/2011 de apoio á familia e á convivencia de Galicia, que prohibe a venda, o aluguer, a exposición, e o ofrecemento a menores de idade de material cuxo contido sexa pornográfico, resulte prexudicial para o desenvolvemento da súa personalidade ou contrario aos dereitos e liberdades recoñecidos nas leis vixentes.