Arranca a reforma da Casa dos Nenos de Caroi
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de arrancar a reforma da denominada Casa dos Nenos de Caroi.
Esta actuación, enmarcada no Plan de Centros Veciñais, está a iniciarse coa renovación integral do teito e da cuberta e tamén inclúe outras pequenas actuacións "co obxectivo de deixalo nas mellores condicións", segundo explicou o alcalde, Jorge Cubela, que incidiu en que, como é habitual, as obras correspóndense coas demandas dos veciños para este recinto.
"Seguimos cumprindo coa zona alta do noso concello, coa que temos unha especial sensibilidade por cuestións de reequilibrio", apostillou.
As obras na Casa dos Nenos de Caroi, que están a ser executadas por unha empresa do municipio, adiáronse un pouco porque foi preciso obter a correspondente autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e agárdase que estean listas antes de que acabe o ano.
Con esta nova actuación do Plan de Centros Veciñais, o Concello ten en marcha nestes momentos tres obras nos locais sociais de Cutián, Chamadoira e o citado de Caroi e ademais está a piques de iniciar a construción do novo Centro Sociocultural de Tenorio, que xa está adxudicado e que será un proxecto máis ambicioso, de 600.000 euros, polo volume poboacional da parroquia. Este novo inmoble disporá dunha gran sala diáfana para actos culturais e veciñais, aulas de formación e salas máis pequenas.
O rexedor local revelou que, cos tres proxectos que están en obras, o Concello xa ten investido algo máis de 1,3 millóns de euros nas Casas do Pobo dende o ano 2015, cando comezou o Plan de Centros Veciñais, "co principal obxectivo de favorecer o dinamismo das parroquias e a súa ampla actividade e, deste xeito, axudar ao fixamento da poboación a través dun rural vivo, con infraestruturas e servizos".