Ponte Caldelas inicia un curso itinerante para ensinar a usar Internet aos veciños
Por Redacción
Ponte Caldelas pon en marcha este venres unha serie de cursos de informática gratuítos que teñen como obxectivo "que todos os veciños saiban manexarse na Internet", declarou o alcalde Andrés Díaz na súa visita á Casa dá Cultura da vila caldelana na que xa están instalados unha ducia de computadores para comezar as clases.
Trátase dunha actividade itinerante por todas as parroquias e lugares do Concello organizada polo executivo municipal en colaboración coa empresa local Aurea Enerxía e Telecomunicacións SL. "Amosa unha vez máis a miña aposta clara polo rural", dixo o rexedor sobre esta pioneira iniciativa.
Para a primeira das sesións están rexistradas 22 persoas, polo que será necesario dividir a clase en dous grupos para recibir unha formación de catro horas de duración. As sesións realizaranse en dúas xornadas con dúas horas de clase por día e para que se imparta debe haber inscritos polo menos 12 participantes.
A partir do 22 de novembro empezará a itinerancia do ciclo formativo polo rural de Ponte Caldelas. Os veciños deben inscribirse no Concello de Ponte Caldelas achegando o seu nome, idade e parroquia á que pertencen. A intención do goberno local é que o curso pase polo maior número de locais sociais de todo o Concello.