Preocupación na DO Rías Baixas polos "inxustos e desproporcionados" aranceis de Estados Unidos
Por Natalia Puga
Os aranceis que Estados Unidos aplica desde outubro aos produtos agrícolas da Unión Europea "preocupan" á Denominación de Orixe Rías Baixas, que se atopa cunha imposición de taxas do 25% ás súas exportacións de viño albariño que podería influír negativamente nas súas vendas ao que é o seu principal mercado no exterior.
O presidente do Consello Regulador de Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, considera que a medida é "inxusta, selectiva e desproporcionada" que pretende ser un azoute para o sector aeronáutico, pero acaba "dando no traseiro" de cheo ao sector vitivinícola español e á DO Rías Baixas en particular, pois os viños con gradación superior a 14 graos, espumosos e que se venden en botellas de máis de dous litros están exentos, pero os albariños galegos non cumpren eses requisitos.
A medida pode implicar unha subida de prezos en destino que podería reducir as vendas, pero desde o sector importador en Estados Unidos está a tentarse que ese 25% asúmano de forma repartida as adegas, os exportadores e os distribuidores, para tentar reducir ese aumento do prezo final. En todo caso, a pesar desa medida que podería paliar o descenso das vendas "existe unha preocupación importante" e desde a DO piden ás autoridades españolas e europeas que "negocien con forza" para tentar reducir o impacto.
Gil de Araújo garante que a pesar dos aranceis seguirán exportando a Estados Unidos, un mercado no que levan 16 anos e investiron seis millóns de euros. Segundo os datos facilitados este mércores, na campaña 2018-2018 exportaron 2,3 millóns de litros ao país gobernado por Donald Trump, cifra que supón o 29,04% do total das súas vendas ao exterior.
O conselleiro de Medio Rural, José González, tamén se referiu a eses aranceis este mércores. A preguntas da prensa nun acto con Gil de Araújo indicou que a Xunta de Galicia encargou un informe xurídico para estudar como van afectar estes aranceis aos viños galegos e pediu ao Goberno estatal que sexa belixerante para conseguir reverter a situación.
José González coincide en que a medida é "totalmente inxusta" para os produtos agrarios españois, pero mostrouse convencido de que o albariño exportado a Estados Unidos é un produto con "alto valor engadido" que poderá "soportar mellor esta situación" en tanto que a súa "singularidade" axudará a que os clientes non deixen de consumilo a pesar de que o seu prezo, xa de seu elevado, poida incrementarse.
O segundo mercado da DO Rías Baixas tras Estados Unidos é o Reino Unido, ao que na campaña 2018-2019 exportáronse 1,8 millóns de litros, o 23,32% das vendas ao exterior, e curiosamente un país que tamén está pendente dun cambio que pode ser drástico, o Brexit. Tanto Gil de Araújo como José González aseguran que, de momento, esa potencial saída do Reino Unido da Unión Europea non está a afectar.
Ademais, Gil de Araújo móstrase optimista porque confía en que a Unión Europea será capaz de negociar co Goberno británico que, se finalmente se produce o Brexit, se manteña a liberdade comercial actual. José González engade que, a pesar da saída, "non ten por que haber novos aranceis".
A pesar desta situación internacional que se está vivindo en ambos os países e podería afectar á súa cifra de negocio, a DO Rías Baixas presentou este mércores un balance da súa última campaña que apunta a boas perspectivas de exportacións para os seus viños tanto en volume como en valor.
Xa están presentes en máis de 70 mercados e entre o 1 de setembro de 2019 e o 30 de agosto de 2019 incrementaron un 8,9% as vendas no exterior, con 7,8 millóns de litros vendidos en mercados internacionais, e as exportacións alcanzaron os 43,8 millóns de euros, un 12,57 máis que un ano antes.
Tras Estados Unidos e Reino Unido, os mercados máis fortes para Rías Baixas son Alemaña, Porto Rico, Irlanda, Canadá, México, Holanda, Suecia e Rusia. Ese ano é o primeiro que o mercado ruso entra no Top 10 ao crecer un 13,54% en volume de venda e un 28,78% en valor.