A eliminación de puntos negros e humanización de vías centran a atención da Mesa do Camiño
Por Manu Otero
A seguridade das estradas polas que transita o Camiño de Santiago centrou o contido da Mesa do Camiño que se reuniu este mércores no pazo provincial con representantes de todas as institucións e colectivos que promoven a peregrinación a Compostela.
Impulsar unha mellora integral das vías provinciais polas que pasan os roteiros foi un dos apartados nos que a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, fixo maior fincapé, centrándose especialmente na erradicación de puntos negros, a creación de senllas peonís ou a humanización de espazos.
A responsable socialista puxo como exemplo a mellora da mobilidade na EP-0508 entre Curro e San Amaro ou a instalación de lombos e nova sinalización en Vilaboa. Neste sentido, Iglesias adiantou que está prevista a recuperación de espazos na rúa do Parque (EP-8005) en Caldas de Reis.
Ademais a deputada referiuse tamén ás axudas aprobadas polo goberno provincial para a rehabilitación do patrimonio, das que se beneficiaron concellos como o de Barros, Portas ou Caldas. Neste último, o proxecto de rehabilitación das fontes do Camiño acaba de recibir o premio Gran de Area do Colexio de Arquitectos.
Na mesa tamén participou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, para recalcar a aposta da Xunta pola mellora da seguridade viaria nos catro roteiros do Camiño de Santiago que transcorren pola provincia de Pontevedra.
O mandatario popular coincidiu coa deputada en destacar a necesidade da colaboración institucional para a mellora da protección e a posta en valor do Camiño Portugués, o Camiño Portugués pola Costa, a Vía da Prata ou o Camiño de Inverno.
O crecemento do volume de peregrinos foi outro dos aspectos que resaltaron ambas as administracións. O ano pecharase coa peregrinación de 100.000 persoas por algunha dos catro roteiros da provincia. Unha das que maior crecemento experimentou foi a do Camiño da Geira e dos Arrieiros, que pasa por Forcarei e A Estrada, que en só nove meses atraeu a máis de 700 devotos. Por iso urxen á Consellería para tramitar o seu recoñecemento como roteiro oficial do Camiño de Santiago.
No plano cultural, Román Rodríguez, anticipou que durante o Ano Santo organizarán na provincia unha ampla variedade de actos de diversa índole e que servirán como broche de ouro para outras actuacións que este departamento xa ten en marcha na provincia como o Plan de Albergues, o de Sinalización, o de Mantemento ou o de Embelecemento.
MESA DE TURISMO
Antes de analizar os datos do Camiño, no mesmo escenario reuniuse a Mesa do Turismo. O seguimento do Plan Estratéxico de Turismo centrou a atención da reunión e desde a Deputación explicaron que se atopa en execución o 96 % de todas as liñas recollidas no documento. Ademais, o 4% restante atópase xa planificado para executalo o próximo ano.
Sobre os plans de futuro, a deputada Ana Laura Iglesias destacou que o próximo ano a natureza vai ser a protagonista das accións promocionais da Deputación, que abordará cuestións como o ecoturismo, o turismo de aventura, o turismo rural, o turismo náutuco e mariñeiro, así como o termalismo.
Para iso xa están a traballar nunha nova peza promocional audiovisual que se estreará en Fitur entre o 22 e 26 de xaneiro do próximo ano.
Relacionadas:
-
Alfonso Rueda pide a Carmela Silva que cambie de data a reunión da Mesa do Camiño para poder asistir
Por Oskar Viéitez |
-
Puntos LED de cor azul iluminarán o Camiño Portugués polo Gorgullón
Por Redacción |
-
Os artilleiros da Brilat gañan un concurso de patrullas Tui-Santiago moi rifado
Por Redacción |
-
Chalecos para previr os atropelos de peregrinos
Por Redacción |
-
A alternativa do Camiño de Santiago polas Marismas de Alba, obxecto de pintadas
Por Redacción |