A igrexa pontevedresa ingresa menos cartos coas colectas pola crise e a idade avanzada dos fieis
Por Oskar Viéitez
Este próximo domingo celébrase o Día da Igrexa Diocesana e con tal ocasión o ecónomo Fernando Barros informou aos medios de comunicación sobre as contas da arquidiocese de Santiago de Compostela, á que pertence Pontevedra, no marco da celebración.
Un total de 23,8 millóns de euros é o orzamento co que conta en 2019 a arquidiocese.
O ecónomo diocesano dixo que a pesar da minoración das achegas dos fieis, debidas á diminución da súa capacidade de gasto tanto polos efectos da crise como á idade avanzada de moitos fieis, a Iglesia seguirá mantendo os seus compromisos asistenciais, sociais e pastorais. "É unha prioridade", indicou.
O orzamento prevé 7 millóns de euros de ingresos por achegas dos fieis e 6,2 millóns pola asignación tributaria (marcar a X na casa da Igrexa na declaración da renda).
En canto aos gastos, a actividades asistenciais e pastorais dedícase un total de 6,9 millóns de euros. Inclúense neste apartado a acción pastoral, a catequese, a liturxia, a actuación social e caritativa, as achegas para as misións ou para Manos Unidas, Cáritas ou o Seminario, así como as Cociñas Económicas.
A retribución do clero e do persoal seglar alcanza unha cifra de 6,8 millóns. Hai ademais 5,6 millóns de euros dedicados a conservación de edificios e gastos de funcionamento. Nos gastos extraordinarios destacan os 3,8 millóns de euros para programas de rehabilitación. A necesidade de financiamento é de 2,7 millóns.
Conta con 456 sacerdotes en 1.070 parroquias, uns 3.200 catequistas e 810 relixiosos
De acordo cos datos da Memoria de Actividades, unha das novidades esixidas pola Lei de Transparencia, os orzamentos diocesanos dan cobertura á realización nas parroquias de 6.324 bautizos, 6.055 primeiras comuñóns, 3.647 confirmacións e 1.349 matrimonios. As contas diocesanas permiten ademais cubrir a asistencia a 160.488 persoas nos 381 centros sociais de que dispón a Arquidiocese.
As mesmas cifras garanten a actividade educativa de 142 centros católicos cun total de 23.970 alumnos.
Hai que lembrar, igualmente, que a actividade pastoral que se desenvolve ao longo do ano conta con 456 sacerdotes en 1.070 parroquias, uns 3.200 catequistas, 810 relixiosos e relixiosas e 4 diáconos permanentes.
O Día da Igrexa Diocesana é unha xornada dedicada non só a permitir a contribución económica dos fieis coas súas achegas nas colectas, senón a "reflexión sobre a implicación de todos no servizo que presta a Igrexa á sociedade".