Cinco nenos do Grove afectados por unha nova intoxicación nun comedor escolar
Por Redacción
A historia volveuse a repetir. Despois dos episodios detectados a semana pasada, entre outras localidades, en Cangas, Pontevedra e Marín, unha nova intoxicación nun comedor escolar afectou a cinco novos nenos. Nesta ocasión, foi na escola infantil do Grove, centro incluído na rede A Galiña Azul da Xunta.
Os cinco nenos intoxicados presentaban reaccións cutáneas nas fazulas e manchas vermellas ao redor da boca despois de inxerir o menú que, este martes, estaba composto de crema de brócoli e raxo de polo con macarróns.
As traballadoras do comedor escolar detectaron rapidamente esta intoxicación e retiraron a comida, que xa non foi servida na seguinte quenda. A continuación, chamaron aos pais dos cinco nenos afectados para que os recollesen e os levasen ao médico. Ningún deles tivo un cadro grave de intoxicación e xa retomaron a súa actividade lectiva.
Desde a Xunta de Galicia, o seu vicepresidente Alfonso Rueda sinalou que se trata de feitos "intolerables" que xa se están investigando para coñecer a súa orixe. En todo caso, quixo mandar unha mensaxe de tranquilidade ao sinalar que son casos "leves e illados".
Mentres tanto, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar tomou unha decisión preventiva para evitar que se repitan estes episodios e ordenou cambiar os provedores de comida en todas as escolas infantís, rexistrasen ou non algunha destas intoxicacións.
De maneira indefinida, todos os produtos -tanto os alimentos como os utensilios de cociña- deixarán de estar fornecidos por provedores centralizados e compraranse en establecementos de proximidade a cada escola infantil.
Todos estes establecementos deberán contar, destaca o consorcio, con todos os permisos e acreditacións necesarias para garantir a trazabilidad dos produtos.
Ao mesmo tempo os técnicos de Sanidade están a analizar as mostras de comida que se serviu os días que houbo reaccións alérxicas e leváronse a cabo inspecciones na sede da empresa concesionaria.