Yago Torres recollerá a acta de concelleiro de SAL en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
Tras a renuncia de Jesús Sueiro o pasado mes de outubro e despois de que varios membros da lista rexeitasen asumir o cargo por motivos persoais e laborais, o número oito da lista electoral Yago Torres será quen recolla a acta de concelleira de Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL).
Segundo informou de maneira oficial esta formación política, "Yago Torres Pérez está implicado no proxecto de SAL desde practicamente os seus inicios" e xa formou parte da lista na candidatura presentada en 2015 e na do 2017, exercendo de tesoureiro na xunta directiva de SAL.
Yago Torres está convencido de que "o sacrificio dos concelleiros de SAL non tivo reflexo nas eleccións municipais pasadas, pero seguimos aquí traballando por e para os veciños como fixemos sempre".
Desde SAL aseguran que "a maioría de Telmo Martin fixo que nos últimos 4 meses tivésemos que soportar unha xestión pésima froito dos seus habituais impulsos".
Yago Torres prognostica que o Concello de Sanxenxo vivirá un mandato "de decisions impulsivas e sen ningún consenso", e afirma que coa forma de gobernar de Telmo Martín, "volverá endebedar a todos os veciños".