Unha "quedada" para observar o tránsito de Mercurio
Por Redacción
"O planeta máis pequeno do Sistema Solar vai experimentar o vindeiro luns 11 de novembro un fenómeno que só acontece unha decena de veces por século, así que animo a tódolos pontevedreses a desfrutar do mesmo de xeito seguro e acompañados por expertos na materia".
Deste xeito, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, quere convidar á cidadanía a participar nunha "quedada" organizada pola Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra e a Agrupación Astronómica Rías Baixas e impulsada polo departamento municipal de Medio Ambiente para observar o tránsito de Mercurio dende a Alameda.
A actividade desenvolverase entre as 13.35 horas e o solpor e conta coas preceptivas garantías para un perfecto seguimento do fenómeno. Neste sentido, Iván Puentes fai fincapé no "enorme perigo de observar o Sol durante un fenómeno como este, sen filtros especiais e homologados".
Os tránsitos de Mercurio prodúcense 13 veces cada século en intervalos de 3, 7, 10 e 13 anos, e haberá que agardar até o 13 de novembro de 2032 para poder asistir ao seguinte.
Asimesmo, trátase do planeta máis cercano ao Sol e, polo tanto, bastante esquivo para a súa observación, xa que só se deixa ver ao solpor polo oeste, case ocultado pola luz do sol, ou ben ao amencer polo leste, xusto antes da saída do sol.
Tal e como explica Iván Puentes, "se nun eclipse de Sol é a Lúa a que se interpón entre a Terra e o Sol, neste tránsito será Mercurio o que se interporá entre nós e o Sol".