Ponte Caldelas presume de ser un concello "solvente e estable" e da súa "capacidade de aforro"
Por Oskar Viéitez
O último informe remitido ao Ministerio de Facenda por parte do servizo de intervención municipal certifica que o Concello de Ponte Caldelas cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria.
Neste documento tamén se reflicte que a corporación cumpre coa regra de gasto ao peche do trimestre corrente e o nivel de gastos e ingresos está equilibrado, aínda estando suxeito a un Plan Económico Financeiro.
O informe trimestral do interventor, do que se dará conta no vindeiro pleno, corresponde aos meses de xullo, agosto e setembro.
O Concello de Ponte Caldelas conta neste momento cun remanente de tesourería de máis de 836.000 euros, é dicir, máis de 800.000 euros de aforro.
Polos datos que se manexan, o Concello rematará o ano cunha débeda dun millón de euros.
O alcalde Andrés Díaz lembra que esta é unha cifra igual á que se atopou o tripartito fai catro anos, "pero logo de levar a cabo importantes avances para o municipio, como a renovación integral da Praza de España, o cambio de céspede no campo de fútbol de Chan da Barcia, as actuacións en todos os parques infantís do municipio, a mellora do paseo da Calzada, a compra dos terreos do antigo balneario e centos de actuacións no rural que melloraron notablemente a calidade de vida da veciñanza".
"Este goberno é responsable, rigoroso e transparente na xestión", indica o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que recalca a importancia de trasladar á cidadanía datos reais sobre a situación municipal.
O alcalde explicou que nos últimos días a falta de interventor derivou na imposibilidade de pago de facturas e tamén houbo un erro burocrático na tramitación do Plan Económico Financeiro, o que supuxo que o concello tivese que bloquear unha partida de diñeiro superior á real, "unha cuestión que en breve estará solucionada e que fará que os pagos se normalicen nas próximas semanas", concluíu.