Un ferido ao chocar un coche co valo da autovía de Marín e, de rebote, con outro vehículo
Por Redacción & Cristina Saiz
Unha persoa resultou ferida leve nun aparatoso accidente de tráfico rexistrado ao mediodía deste xoves na autovía de Marín. Víronse implicados dous vehículos que sufriron importantes danos materiais.
O sinistro produciuse sobre as 14.00 horas deste xoves no tramo final da autovía de Marín circulando desde Pontevedra, á altura do barrio pontevedrés de Estribela.
Por causas que aínda non se determinaron, un vehículo saíuse da vía e chocou contra o valo de cemento que separa os carrís que circulan en dirección a Marín do que se desvía con dirección ao porto e á zona de Os Praceres.
De rebote, coa forza do impacto, chocou contra un segundo vehículo.
Como resultado do accidente, derrubouse parte do valo de cemento e ambos os coches rexistraron importantes danos materiais.
Ata o lugar dos feitos desprazáronse axentes do subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, que levantaron atestado do accidente e regularon a circulación de vehículos pola autovía.