Valse inglés, tango, valse vienés, slow fox, quickstep, samba, chachachá, pasodobre, rumba-bolero e jive. As dez selecciones da Playlist coinciden neste caso cos dez bailes que inclúen as competicións de baile deportivo. Quen nolo ensina é bailarín profesional, catorce veces campión de España, Adrián Esperón Vidal.
Os seus pais, Juan José e Carmela ían a clases de baile e tiñan que levar ao pequeno da casa con eles a esta afección. Aquel neno non se amedrentaba polo feito de que os seus amigos non comprendesen que preferise estar rodeado de mozas bailando que con eles xogando ao balonmán.
Defínese rebelde, máis aínda chegada a adolescencia e ao instituto Valle Inclán. Iso fíxolle pasar infinidade de ocasións polo despacho do xefe de estudos. Un xefe de estudos ao que o devir da vida púxolle na tesitura contraria.
Terminada a ESO tiña a clara decisión, tras gañar o primeiro Campionato de España, de seguir formándos no baile, pero pesou o "polo si ou polo non" dos seus pais e fixo un Ciclo de Carpintería. As táboas do rapaz eran para bailar sobre elas, non para facelas; e así, con vinte anos, tras gañar o segundo Campionato Nacional, tocou facer maletas e marchar a Molinella, Italia.
Con doce anos coñeceu á que foi a súa parella profesional, a mosense Patricia Martínez. Compartiron doce anos de traxectoria; un compartir que continúa cun club de baile. E falando de parellas, Noemí -unha alumna en quen se fixou dando clases en Mosteiro-, é con quen comparte a súa vida sentimental e tamén forma parte da súa nova andaina empresarial, a academia PonteBaile.
Foi en 2017 cando lle fixo un 'zig- zag' ao "caos" que sentía e deixou a competición. Confesa en PontevedraViva Radio que "se volvese atrás faría todo o que fixen e incorporaría algúns momentos nos que si deixei de estar ou deixei de facer".
Se lle preguntas por películas nas que o baile é inherente á historia di 'Baila comigo', 'Billy Elliot' e 'The Full Monty', pero hai outra, allea ao xénero, da que leva, levan el e a súa parella unha máxima tatuada: hakuna matata. Que así sexa.