A Deputación impulsa o cultivo ecolóxico de froitos do bosque
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno o proxecto DepoFroitos, que impulsa o cultivo ecolóxico de froitos do bosque, un produto cuxa recente introdución no mercado creceu nos últimos anos de maneira considerable.
Segundo informou en rolda de prensa a presidenta da Deputación, Carmela Silva, esta iniciativa está cofinanciada polo Fondo Social Europeo dentro do programa Empleaverde do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Silva indicou que este tipo de explotacións "poden ser moi rendibles se se atopa un modelo óptimo de comercialización da froita", sobre todo se o destino final é o consumo en fresco.
A Deputación pretende con esta iniciativa "crear novas actividades que permitan fixar poboación rural en localidades cuxos ingresos se obteñen fundamentalmente no sector agrario", dentro da súa liña política de defensa do medio ambiente.
Carmela Silva explicou que DepoFroitos terá as súas plantacións "sobre todo en terreos abandonados", e detallou que "a través deste proxecto crearase un servizo de acompañamento específico" que axudará á capacitación e a profesionalización de todos aqueles emprendedores que queiran dedicarse a esta actividade.
Desde a institución provincial elaboraranse plans de viabilidade técnica, económica e financeira, e crearase unha agrupación comercial para reducir custos e obter maiores beneficios ao situar o produto a prezos máis competitivos.
Ademais, cada emprendedor que se some a este proxecto terá un servizo de asesoría e consultoría gratuíto para que sexa máis fácil xestionar a súa nova empresa.