Axentes da Policía Local esixen o cesamento do seu xefe, Daniel Macenlle
Por Manu Otero
O persoal da Policía Local de Pontevedra mobilízase contra o seu xefe. Medio centenar de axentes concentráronse este venres ás portas da xefatura na rúa Alexandre Bóveda para esixir a mediación do goberno local nun conflito no que o plantel se sente maltratado polos seus superiores polo que esixen a renovación dos mandos do corpo.
"Queremos que o Concello medie para poñer a outro xefe", declarou o representante sindical e axente municipal, José Moldes.
Ataviados con pancartas nas que se podía ler: "Policía Local. Loitamos polo que é xusto" e " Nin manipulación nin sabotaxe, Macenlle colga o traxe", os axentes decidiron mobilizarse despois do arquivo da denuncia presentada desde a xefatura contra dous axentes aos que se acusaba de manipular un semáforo durante a carreira San Silvestre do ano pasado cometendo delitos contra a seguridade viaria.
Un feito que os axentes entenden como unha represalia polas protestas previas dirixidas cara ao xefe, Daniel Macenlle, derivadas do malestar do persoal pola falta de efectivos e o desacordo pola repartición de quendas e xornadas de descanso.
O portavoz do Sindicato Profesional de Policías Municipais de España (SPPME) en Pontevedra, José Moldes, lembrou que ademais do cesamento do actual xefe de policía, os axentes denuncian que o número de efectivos é escaso para atender todos os requirimentos que lles esixen. Tampouco están de acordo co sistema actual de quendas e tamén alertan de problemas cos horarios e o sistema de descansos e libranzas.
A unión de todos os axentes, sindicatos do Concello e demais persoal para conseguir as súas reivindicacións son aspectos que o portavoz sindical tamén quixo destacar.
Enquisa. Escribe a túa opinión neste muro:
Relacionadas:
-
O PP esixe a comparecencia en Pleno do alcalde e Carme Da Silva polo "caso dos semáforos"
Por Oskar Viéitez |
-
Eva Villaverde acusa ao PP de "azuzar" o caso dos semáforos cun "claro interese partidario e partidista"
Por Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez "interpreta" que o goberno local utiliza politicamente á Policía Local
Por Anxo Lourido |
-
CC.OO. pide a Lores "responsabilidades políticas" e desculpas coa Policía Local tras o arquivo do "caso do semáforo"
Por Redacción |