Acusan o PP de Moraña de pedir o voto por correo regalando lotaría de Nadal
Por Alejandro Espiño
O PSOE denunciou ante a Xunta Electoral Provincial o envío realizado polo PP de Moraña no que, a través de cartas remitidas a varios veciños do municipio, solicitaban o seu voto e achegaban de agasallo participacións para o sorteo da Lotaría de Nadal.
O envío postal inclúe ademais a propaganda electoral do PP, unha carta asinada pola alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, e os sobres coas papeletas do Congreso e do Senado cos nomes dos candidatos populares.
Os socialistas aseguran que estes feitos incumpren o artigo 50 e seguintes da lei electoral, que establecen que os poderes públicos non poden influír na orientación de voto dos electores e "moito menos", engaden, regalando lotaría a cambio do seu apoio.
O PSOE esixe que a Xunta Electoral abre un expediente sancionador ao PP para coñecer "todos os detalles e o alcance" deste envío electoral e confían en que se lles impoña unha sanción "exemplarizante".
Segundo trasladan os socialistas, esperan que a alcaldesa sexa multada polo envío destas cartas, xa que afirman que Luisa Piñeiro "xa se distinguiu noutras ocasións pola súa falta de transparencia e escrúpulos á hora de alcanzar os seus obxectivos".
Aínda que o PSOE só ten constancia deste tipo de envíos en Moraña, non descartan que esta acción repetírase noutros puntos da provincia de Pontevedra.