Cuntis prevé incorporar as novas tecnoloxías na súa oficina de turismo
Por Redacción
A oficina de turismo de Cuntis afrontará moi pronto unha profunda renovación que permitirá dotar a estas instalacións das últimas tecnoloxías para mellorar a información que se lles dá aos visitantes que pasan polo municipio.
Esta actuación será posible coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, que é a promotora do proxecto Tourist Inside, que contempla accións de innovación e modernización de oficinas de información turística.
Este proxecto pretende adaptar as oficinas ás novas demandas por parte dos turistas e, deste xeito, propón colocar tótems multimedia, tablets de accesos público ou unha imaxe homoxénea do servizo.
Ademais, tamén se actuará para mellorar a súa accesibilidade e implantarán audioguías e impresoras braille para que todos poidan acceder á información.