A centola e o boi das rías galegas regresa ás lonxas de Pontevedra
Por Redacción
A partir deste luns, abre de novo a campaña extractiva da centola e do boi nas provincias da Coruña e Pontevedra, segundo informa a Consellería do Mar.
Na área que vai da Guarda ata Cabo Corrubedo, en Pontevedra, a flota con porto base nesta zona e que se dedica á extracción destas especies pode calar os aparellos a partir das 00:00 horas desta madrugada e levar as especies á lonxa xa o luns.
A campaña destes crustáceos en Pontevedra prolongarase ata o inicio da veda do ano 2020, que se fixará a través do correspondente plan de xestión.
A cota máxima de captura de cada unha destas especies será de 35 quilos por barco e día, á que se lle engadirán 35 quilos diarios por cada tripulante enrolado a bordo.
Poderán participar na campaña todas as embarcacións con artes menores e con porto base nesta comunidade, así como aquelas que tendo porto base noutras comunidades autónomas teñan permisos especiais de pesca para faenar nestas augas.