Mosquera cualifica de ''reacción de niñato'' as declaracións de Moreira nas que chama ''cacique'' ao alcalde
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Infraestruturas do Concello de Pontevedra, César Mosquera, aproveitou a convocatoria dunha rolda de prensa sobre a Lei de Costas para facer unhas declaracións respecto á "saída de pata de banco do PP", dixo.
Mosquera cualificou de "reacción de niñato" ás declaracións do voceiro popular, Jacobo Moreira, nas que acusaba o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores de actuar ''como un cacique con ganas de vinganza'' que decidiu suprimir os soldos do seu grupo por criticar o do edil do BNG, Miguel Filgueira.
Este mércores Mosquera sinalou que esa ''é a reacción dun niñato que meteuse nun lío el só en contra do seu voceiro anterior, Telmo Martín, e saiulle mal, como era presumible, e agora sae disparando contra todo o mundo, soltando exabruptos e sen valorar a sentenza'', dixo o concelleiro nacionalista.
MINISTERIO DE HACIENDA
Á marxe desta reacción Mosquera tampouco quixo deixar sen resposta o avance dos datos de liquidación do Ministerio de Facenda que sinalan ao concello de Pontevedra como a única cidade galega que rexistrou un déficit o pasado ano.
Segundo o departamento de Cristóbal Montoro é un déficit de 400.000 euros aínda que César Mosquera matiza que o dato do Ministerio son as contas 'brutas'' xa que o pasado ano o Concello amortizou débeda e non tivo déficit, asegura o concelleiro ''houbo un remanente líquido de trece millóns de euros do ano pasado para gastar'' atendendo aos informes de intervención.
''Non é certo que houbera déficit, pero en caso de que si houbera, se temos cartos para gastalos e se poden gastar para activar a economía para xerar emprego, estariamos absolutamente encantados. Outra cousa sería que estiveramos gastando o que non temos'', concluíu Mosquera.
Por certo, sobre a Lei de Costas e despois da xornada informativa organizada este martes en Santiago de Compostela na que se constatou que numerosos aspectos da reforma quedarán supeditados á regulación posterior, o Concello decidiu remitir o Plan Xeral en vigor para a súa adecuación ao novo marco legal.