O orzamento de Sanxenxo contempla 3,1 millóns de euros para investir nunha ducia de proxectos
Por Oskar Viéitez
O borrador de orzamentos para o ano 2020 presentado polo Concello de Sanxenxo alcanza os 35.204.455 euros, unha vez incorporadas as iniciativas que vai promover Insua, a construción de naves para o servizo de emerxencias, Policía Local e servizos de limpeza e a xestión do chan municipal.
No capítulo investidor o goberno local destina 3.134.000 euros para financiar unha ducia de proxectos. A maiores Sanxenxo dispoñerá o ano que vén de 1,2 millóns de euros do Plan Concellos da Deputación en cuxos proxectos traballa o goberno.
No caso dalgún proxecto a partida incluída non cobre o seu custo total porque, como é habitual nas administracións, hai actuacións que se financian en varias anualidades.
Concretamente destínanse, 200.000 euros para a substitución da herba artificial do campo de futbol O Revel, ou 400.000 euros para o Centro socio cultural O Revel. Un proxecto que hai que volver licitar e, en consecuencia, iniciarase no segundo semestre.
Tamén se destinan partidas de 70.000 euros para a reforma da praza do Pazo de Sanxenxo; 220.000 euros para a reforma da praza de Vilalonga; 200.000 euros para melloras no campo de festas de Dorrón; 300.000 euros para a segunda fase da pista polideportiva de Nantes, para convertela nun pavillón, co cerramento das súas paredes para evitar a entrada de auga.
Ademais resérvanse 200.000 euros para a primeira fase da urbanización do Revel; 200.000 euros para o plan director de servizos básicos; 300.000 euros para o saneamento do rural, inclúe 100.000 euros para o convenio con Acuaes; 200.000 euros mellora da rede viaria do rural; 210.000 euros para o proxecto "Sanxenxo destino intelixente", unha actuación compartida entre a sociedade pública Segitur e os concellos do Grove e Sanxenxo; 25.000 euros para o local socio cultural de Gondar; 100.000 euros para a compra de equipos informáticos.
E finalmente hai investimentos prevista de 21.000 euros instalación de aire acondicionado no centro de día e as bibliotecas de Portonovo e Vilalonga; 25.000 euros para facer melloras en usos múltiples de Portonovo; 17.000 euros para facer melloras no pavillón de deportes de Baltar; 150.000 euros para modificacións do PXOM e 296.000 euros para a promoción turística de Sanxenxo.