Un paseo polo Sol que non se volverá a ver ata o 2032
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
As nubes deron unha pequena tregua este luns o que permitiu aos pontevedreses poder gozar do tránsito do planeta Mercurio ante o Sol, un fenómeno que só ocorre 13 veces cada 100 anos. A próxima vez que os tres astros estean aliñados será o 13 de novembro de 2032.
A Asociación Astronómica Sirio facilitou a observación cos seus telescopios que instalaron na Alameda desde a unha e media da tarde e ata as seis e cuarto.
Así se puido apreciar o inicio e gran parte do percorrido, ata que as nubes e o anoitecer impediron observar o final.
Segundo foron explicando a todos os curiosos que quixeron observar este fenómeno astronómico desde a Terra só se poden contemplar os tránsitos dos planetas Mercurio e Venus por diante da superficie do Sol, neste caso foi o primeiro deles.
No caso de Venus tan só pasa trece veces por milenio. Os que non estiveron atentos en 2012, terán que esperan ata o 2117 para gozar do seguinte. Paciencia.