A reforma integral da estación de autobuses obtén licenza
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra celebrada este martes aprobou a concesión de licenza urbanística para a remodelación integral da estación de autobuses.
Segundo informou en rolda de prensa a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, as obras poderanse empezar unha vez que se abonen os 19.708 euros de taxas por parte da Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Construcións Alea e Arines Obras e Proxectos, adxudicataria destes traballos por 2.384.785 euros.
Anabel Gulías valorou que se trata de "un investimento moi necesario" recollido nun convenio entre o Concello e a Xunta en virtude do cal se destinarán 6,1 millóns de euros á reforma integral do edificio e de toda a súa contorna, onde se dará prioridade ao tratamento peonil e, de paso, conectarse coa terminal do ferrocarril, a chamada intermodalidade.
As obras, que contan cun prazo de execución de doce meses, supoñerán unha mellora funcional, estética e de eficiencia enerxética de dicha terminal que a día de hoxe "presenta unhas condicións bastante negativas", sinalou a portavoz municipal.
A intervención inclúe a renovación da fachada, a cuberta e dos sistemas de información para os pasaxeiros. A UTE concesionaria construirá unha nova rampla para facilitar a accesibilidade dos usuarios e habilitará un novo vestíbulo máis amplo, luminoso e resgardado da choiva.
SEGUNDA FASE
A segunda fase, da que aínda non hai novidades, centrarase nas actuacións no exterior, o novo acceso desde a rúa Josefina Arruti e o aparcamento que será de 24 prazas e estará orientado á recollida ou traslado dos usuarios da estación. Está valorada en 3,6 millóns de euros.
Proxéctase a conexión peonil a través dunha senda cuberta a nivel entre a dársena da terminal de autobuses e a estación de ferrocarril e un novo acceso á estación de autobús sobre o río dos Gafos a través da rúa Josefina Arruti.
O goberno local cre que influirá "moi positivamente non modelo de mobilidade deste concello" xa que "defendemos que as persoas que veñan á nosa cidade cheguen en transporte público e se poidan desprazar a pé" polo que están "moi espectantes" por seguir coa segunda fase.
Relacionadas:
-
A estación intermodal estará operativa para recibir a avalancha de pasaxeiros do Xacobeo 2021
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Comezan na estación de autobuses as obras do complexo intermodal de Pontevedra
Por Redacción |
-
A empresa Extraco comezará nos próximos días as obras na estación de autobuses
Por Oskar Viéitez |
-
Doce empresas están interesadas nas obras da estación intermodal
Por Redacción |
-
Reunión "agradable e cordial" entre Feijóo e Lores para analizar "minuto e resultado" dos compromisos da Xunta
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
A intermodal e a rehabilitación da estación de autobuses estarán terminadas a finais de 2020
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |