Lores pon 'deberes' a Sánchez: A-57, tren de cercanías ou nó de Bombeiros, entre as prioridades
Por Alejandro Espiño
O socialista Pedro Sánchez perfílase como o único candidato viable a unha posible investidura como presidente do Goberno, tras as eleccións xerais do pasado domingo. De conseguilo, chegará cunha longa lista de tarefas pendentes en Pontevedra que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, repasou este martes.
Estas reivindicacións, ademais, serán trasladadas segundo Fernández Lores polo deputado que o BNG obtivo nestes comicios e co que os nacionalistas regresan ao Congreso tras case cinco anos de ausencia.
Para o rexedor pontevedrés unha das "prioridades" debe ser liquidar o "retraso" que acumula o proxecto da A-57 ou, polo menos, que se poña en funcionamento canto antes o tramo entre Vilaboa e A Ermida, xa que entende que aliviará de tráfico o nó do Pino e a N-550 en Salcedo que están "absolutamente excedidos".
Ademais, pediu que se poña en marcha un tren de cercanías que teña paradas nas diferentes estacións ferroviarias do Eixo Atlántico para mellorar a comunicación na área metropolitana de Pontevedra ou que se desbloquee a reforma do nó de Bombeiros ou o paseo peonil e ciclista a Marín.
Miguel Anxo Fernández Lores avanzou que o BNG "seguirá batendo" pola recuperación integral da ría e a saída de Ence de Lourizán, pola transferencia da AP-9 a Galicia, por unha tarifa eléctrica galega, polo uso de enerxías renovables ou por saldar a "importante" débeda que ten o Estado pola lei de dependencia.
Sánchez incluíu inicialmente ao BNG na rolda de contactos que manterá para explorar as súas posibilidades de ser investido como presidente. Os nacionalistas, dixo Fernández Lores, "estamos abertos a escoitar", aínda que recoñeceu que un único deputado fai que a súa capacidade de influencia sexa "limitada".
"Oxalá tivéramos sete deputados como o PNV", sinalou o alcalde de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O terreo municipal de Valdecorvos, opción "máis viable" para construír o novo edificio de emerxencias
Por Anxo Lourido |
-
O paseo peonil entre Pontevedra e Marín estará operativo na primavera de 2021
Por Redacción |
-
O si do BNG a Sánchez inclúe a reforma do nó de Bombeiros e a transferencia da AP-9 a Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
O pontevedrés Guillermo Meijón, o deputado máis madrugador no novo Congreso
Por Redacción |
-
Carmela Silva considera que o acordo de Goberno entre o PSOE e Unidas Podemos "era unha decisión obrigada"
Por Oskar Viéitez |
-
"Obxectivo cumprido" no BNG ao regresar ao Congreso cun escano
Por Oskar Viéitez |
-
Satisfacción no PP local polo resultado electoral: "cambiamos la tendencia"
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE revalida a súa hexemonía en Pontevedra ante un PP en alza e o descalabro de Ciudadanos
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado | Creada e actualizada