Manu San Félix, biólogo e explorador submarino, -o convidado nesta ocasión ao Cara a cara -, coñece moi ben a costa galega. Dela di que "é un lugar bendicido pola natureza. Se puidésemos retroceder mil anos caeríamos de costas ao ver a riqueza, a explosión de vida que había na Rías Baixas". Pero non é momento de triunfalismos porque "agora enfermou e agora é o momento de analizar, coidar e facer algo".
A situación non é exclusiva desta costa, senón en xeral dos mares e océanos que nos están enviando sinais de alerta como a 'sopa verde' do Mar Menor, a subida da temperatura das augas, aumento nas amplitudes das mareas, etc... "son avisos que nos debemos tomar moi en serio. Como alguén que empeza a enfermar e mostra síntomas clarísimos", advirte San Félix.
Ameazas como as explotacións pesqueiras, petrolíferas, verteduras, tráficos marítimos ou especies invasoras, engade en PontevedraViva Radio que "se cambiásemos son solucionables. O que máis preocupa, porque supón un cambio como civilización, é o quecemento global".
Como biólogo recoñécese realista e optimista por natureza como pesona "temos uns problemas moi graves pero temos as solucións e estamos a tempo" aínda que ese tempo tampouco nos sobra para aplicalas.
Manu San Félix forma parte desde 2008 do proxecto 'Pristine Seas' de National Geographic e dirixiu tamén o documental ‘Salvemos o Mediterráneo’. A súa visita ás Rías Baixas responde á invitación dos concellos de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa e Ferrovial Servizos para impartir charlas en centros educativos de ambas as dúas cidades.