Dúas persoas, intoxicadas por fume no incendio dunha caldeira en Vilagarcía
Por Redacción
Dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao Hospital do Salnés na tarde deste martes con síntomas de intoxicación por inhalación de fume como consecuencia do incendio que se iniciaba nunha caldeira dunha vivenda no Concello de Vilagarcía.
O incendio orixinábase ao redor das 14.30 horas cando o servizo de Emerxencias do 112 Galicia recibía unha chamada dunha das persoas que residían na vivenda situada na Rúa do Fiuncho. A fumareda que se desprendía pola caldeira da vivenda poñía en risco a integridade dos seus habitantes e tamén podería espallarse ás demais estancias da casa.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia 061, aos bombeiros do parque do Salnés e aos integrantes do servizo municipal de Protección Civil e xestión de emerxencias de Vilagarcía.
Os servizos de extinción lograron apagar as lapas e, a continuación, ventilaron a vivenda e refrixeraron a zona. Os profesionais sanitarios levaron a cabo a atención das dúas persoas intoxicadas polo fume e decidiuse a súa evacuación ao hospital.
O incendio provocou diversos danos no garaxe e nunha estancia próxima á zona en que se atopaba instalada a caldeira. Desde o 112 Galicia avisábase tamén aos axentes da Policía Nacional e Local, ademais de Protección Civil para establecer as condicións de seguridade na contorna do domicilio.