En novembro... de tapas por Pontevedra: volve Pontedetapas
Por Alejandro Espiño
O mellor da gastronomía pontevedresa volverá a saborearse en pequenos bocados. Xa está aquí unha nova edición do certame Pontedetapas que, na súa duodécima edición, ofrecerá ata 69 propostas culinarias nos locais de hostalería da cidade.
Máis de medio cento de establecementos, concretamente 53, servirán as súas creacións ata o domingo 1 de decembro. Desde este xoves 31 tapas tradicionais, 20 tapas creativas e 18 cócteles competirán por ser a mellor proposta gastronómica da cidade.
Como en anteriores ocasións, as tapas que se ofrecerán no Pontedetapas teñen prezos baixos para que poidan ser consumidas por todos os cidadáns. Así, cada tapa custará dous euros -consumición non incluída- e os cócteles pagaranse a tres euros.
Unha votación popular será a responsable de decidir a Tapa Pontevedra. O gañador representará á cidade no certame De Tapas por Galicia, promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco entre os vencedores dos concursos das sete grandes urbes galegas.
O gañador da Tapa Pontevedra tamén terá como premio desenvolver un showcooking na edición do vindeiro ano da feira do gourmet galego Etiqueta Negra.
Un xurado profesional, que probará de incógnito as propostas de previamente seleccione o profesorado do Carlos Oroza, escollerá os premios á mellor tapa creativa, á mellor tapa tradicional e ao mellor cóctel. Ademais, haberá un premio á mellor maridaxe con cervexa Mahou, patrocinador deste certame.
Pola súa participación en Pontedetapas tamén haberá recompensas para o público. Con cada voto que se emita en formato papel, depositándoo nas urnas que estarán nos locais, ou a través da APP do certame, optarán a dous premios de 500 euros en vales para gastar no comercio local, un seleccionado entre as papeletas e outro nos que voten na aplicación.
Nesta edición volverase a lanzar o Pasaporte Pontedetapas, que garante un regalo seguro dunha cea para dúas persoas valorada en 60 euros, a escoller entre todos os establecementos do concurso, aos dez primeiros consumidores que o presenten selado por todos os locais participantes na Casa da Luz antes do día 8 de decembro.
Na pasada edición a Tapa Pontevedra foi O polbo emigrante Atlántico vs. Asiático de El Cafetín da Alameda, que tamén resultou galardoado como premio do xurado á mellor tapa creativa. A mellor tapa tradicional foi para Café Liceo co bocado Empanada de millo de culler. Berberecho & mexillón e o mellor cóctel recaeu en Mulligans con Holland Match.
Relacionadas:
-
Volve PontedeTapas para incentivar a hostalería na tempada previa ao Nadal
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O 'Mare Nostrum' de El Cafetín e o bacallau con coliflor de Casa Román, gañadores de Pontedetapas 2019
Por Alejandro Espiño |
-
Un paseo gastronómico pola Boa Vila en 51 bocados
Por Oskar Viéitez |
-
El Cafetín, sen rival en Pontedetapas
Por Redacción |